Onde a palabra se volve encontro

Ler tamén é un acto de resistencia

Onde a palabra se volve encontro

Ler tamén é un acto de resistencia

Imaxe: Charo Lópes

Dende un soño colectivo ata un espazo real

A Lila de Lilith abre as súas portas o 21 de outubro de 2011, na Rúa Travesa, 7, no corazón de Compostela.

Xorde como evolución natural dun proxecto anterior, A Asociación Lilith, creado nos anos noventa por un grupo interdisciplinar de mulleres dedicadas á educación social, coa igualdade e o feminismo como motores de acción.

A partir das transformacións vitais e profesionais daquel colectivo, nace a idea de trasladar esa experiencia ao mundo do libro e da cultura, creando un espazo físico para o encontro, o debate e a visibilización das autoras. Así nace a Lila de Lilith, unha libraría especializada en obras escritas por mulleres e en títulos que cruzan a literatura coa perspectiva de xénero, a diversidade e o pensamento crítico.

Chamámonos “Lila” polo símbolo da loita feminista, e “Lilith” pola figura mítica da muller que decidiu non someterse.

Catorce anos de vivencias libreiras

Comezamos cun fondo pequeno e moita ilusión. Co paso dos anos, a nosa libraría foi medrando ata superar os 9.000 títulos físicos, alimentada polos gustos das libreiras, as novidades editoriais, as recomendacións das lectoras e as demandas do público.

Este fondo diverso e vivo inclúe narrativa, poesía, banda deseñada, literatura infantil e xuvenil, e un amplo catálogo de ensaio feminista, queer, antirracista e decolonial.

A Lila é tamén un espazo en constante transformación. Redeseñamos o local para dar cabida aos libros e ás persoas: presentacións, clubs de lectura, cursos e obradoiros.

Dende a pandemia, abrímonos á praza de “Sal se podes” para actividades ao aire libre, e creamos unha sala interior de encontro e formación, un lugar máis íntimo para seguir facendo comunidade arredor da palabra.

Dúas libreiras, moitas complicidades

A Lila está sostida por dúas libreiras que, día a día, coidan este espazo entre libros, ideas e afectos.

Mais non estamos soas: rodeámonos dunha rede de profesionais, amigas e aliadas que fan posible o proxecto.
A nosa forza é colectiva, tecida desde o compromiso e a sororidade.

Formamos parte da Federación de Librarías de Galicia e do tecido asociativo local, participando activamente na vida cultural e social de Compostela xunto a colectivos e proxectos afíns como a Sega, Fiadeiras e Batuke Feminista, que acompañan e comparten connosco camiños de acción, pensamento e celebración feminista.

Unha libraría que pensa, crea e actúa

A Lila de Lilith é moito máis ca unha libraría: é un espazo de intercambio, creación e acción feminista. Organizamos máis de 50 actividades anuais entre presentacións, obradoiros, clubs de lectura e cursos. Participamos en feiras e eventos como a SELIC, a Feira do Libro de Santiago, o Agrocuir, e o Congreso Educativo LGTB. 

Somos promotoras, xunto coa nosa querida Lola Ferreiro e Encarna Otero, da Mullerenaxe ás Marías, celebrada cada 18 de xullo dende 2012.

En 2017 recuperamos con forza a nosa área formativa e educativa, desenvolvendo obradoiros, consultorías e encontros, tanto na libraría como noutros espazos, e colaborando con entidades e institucións.

Temos convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e somos espazo de prácticas formativas do Máster en Igualdade, Xénero e Educación. Tamén colaboramos coa Sega, coa que compartimos club de lectura feminista mensual e unha longa traxectoria de complicidade.

As voces que nos acompañan

As redes sociais convertéronse nunha extensión natural da Lila. A través de Facebook e Instagram compartimos novidades, recomendacións e a nosa axenda cultural baixo cancelos como #aslileiraslen, #euleoautorasgalegas e #euleoautoras, promovendo a visibilidade das autoras galegas e feministas no espazo dixital.

Tamén contamos cun boletín mensual no que informamos sobre actividades e novas lecturas. E, por suposto, seguimos a confiar no mellor medio de todos: o boca a boca das nosas lectoras.

Collage de Sabela Iglesias sobre foto de Charo Lópes

EN MEMORIA DE LOLA FERREIRO

A Lila de Lilith non sería o que é sen o acompañamento, a intelixencia e o humor de Lola Ferreiro Díaz (1957–2023), psiquiatra feminista e defensora da saúde, do pracer, da república e da terra en malva.

Lola foi guía, mentora e inspiración. As súas palabras e o seu compromiso seguen presentes en cada libro, en cada conversa e en cada encontro que nace neste espazo.

A Lila é máis ca unha libraría, é unha casa feita de palabras

Aquí medramos xuntas, entre libros e conversas. Aquí as autoras son protagonistas, e cada visita, un novo encontro. A nosa porta segue aberta — para ler, pensar e facer comunidade.

.